sábado, 23 de mayo de 2009

17 de Maio



Viva o Galego!
Nin que dicir teño que os galegos conmemoramos este dia como dia das letras galegas, dia no que no ano 1863 Rosalía de Castro publica Cantares Gallegos. Con motivo deste día teño que contar unha pequena historia.
Disto hai uns 29 anos.
Unha familia humilde que vivía no rural mandaba os seus fillos á escola, daquela aínda era a E.X.B., e cando se remataba, ou ías ó instituto ou quedabas a traballar, neste caso os pais querían que os seus fillos seguiran estudando, polo cal o fillo mais vello marchou ó masculino, que aínda non se podían mesturar os rapaces coas rapazas.

Comezou o curso, e comezaron os madrugóns, 1h. de autobus, e os xantares de fiambreira. O rapaz era aberto, divertido, inocente, de bo corazón, pero no lograba encaixar cos seus compañeiros de clase. Un día tras outro esperaba na porta a que viñera o mestre para entrar, ata que unha das mestras deuse conta e preguntoulle que lle pasaba, ¿porque non entraba canda os demais?
- e a resposta foi:
-porque se rin de min.
-¿e porqué?.
-porque falo galego.
A mestra mandouno entrar canda ela e o primeiro que fixo foi chamarlles a atención ós demais rapaces e canto mais lles explicaba o porque falar galego, mais contento se poñía o rapaz. Dende aquel dia pensou que na súa vida ía facer todo o que fora posible por defender a súa lingua, por defender a súa terra, por defender á súa xente.
Aínda hoxe hai ese cariño especial a esa mestra.



Algúns pensarán que lle estibo ben por falar galego, que pena, porque, son os ignorantes os que se rían del, él sabía dous idiomas e os demais non. Digo eu ¿ porqué se hai que rir da xente fale o que fale?. Todos os idiomas do mundo deberían ser respetados e mimados , son base dos pobos, das culturas, das terras.



As fotos son deste 17 de Maio en Compostela, a xente defende o galego!!.

sábado, 9 de mayo de 2009

Rio Castro




Hai veces que teño ideas para publicar no blog, pero non sempre resulta fácil, doulle tantas voltas á cabeza que ó final vólvome tola, sen ir mais lonxe esta entrada podería ter por título: o 1 de Maio, ou un dia entre corenta, ou fixemos sendeirismo, e ó fin decidinme por rio Castro, ben pois aló vou, que comeza a función.

¿Porqué elixía o primeiro de Maio? Por que todo sucedeu ese dia.
¿Porqué elixía entre corenta? Por que era un dia mais en corenta anos que cumpría.
E ¿Porqué sendeirismo? Por que despois de atiborrarnos de tarta había que baixar o bandullo, e que mellor que explorar o carreiro de sendeirismo que comeza ou acaba nesta parroquia polo rio Castro.





Foi un dia de primavera precioso, comendo toda a familia xunta, ademais aproveitamos o dia para celebrar tres por un, e para rir, para xogar, e para camiñar.


A camiñata comezámola no Pozo de Lamas, que así se chama o cacho de rio onde nos iamos bañar de cativos. Polo camiño deunos a toleada de atravesalo por un carballo que tirara o Klaus, chupao!.

Uns por encima e outras por debaixo.

O percorrido completo chega á parroquia de Naraío, nós fomos amodo e demos volta no muíño do Achileiro, facendo lembranza dos nosos antepasados xa que por algún dos sitios dos que pasamos era por onde meus avós e meus tíos baixaban ó dito muíño a moer o trigo, pero non só iso, había xente que facía o viño e as vides estaban nesa ladeira , non vos queda fiasco delas!, e meu irmán decía que as quería recuperar!



Invítovos a que fagades o percorrido completo, e mellor dende Naraío a Igrexafeita, porque ó final hai unha area recreativa onde podedes descansar. E aproveitar e seguir a ruta dos Castelos e Mosteiros que tamén pasa por aquí.